O PP négase a entregar a avaliación interna sobre a situación económica da Deputación e o PSOE conclúe que "non existe"
Por Redacción
O grupo provincial do PSOE na Deputación de Pontevedra chegou á conclusión de que o informe de avaliación interna que o pasado mes de setembro o presidente provincial, Luis López, utilizou para criticar a xestión económica do goberno anterior "non existe".
O voceiro do grupo socialista e anterior deputado de Economía, Carlos Font, explicou este domingo que o goberno provincial do PP négase a entregar ese informe.
Os socialistas solicitáronlle por escrito o documento e tiveron que responderllo en cumprimento do Regulamento orgánico da Deputación. Déronlle unha resposta de "dúas liñas" na que, segundo o PSOE, négase a entregar o suposto informe de avaliación económica e argumenta que, en todo caso, trataríase dun "documento de traballo interno".
Luis López afirmou en setembro, en base a ese informe, que o PP herdaba unha Deputación cunha situación económica "precaria e inestable", asegurando que durante os oito anos do bipartito PSOE-BNG houbo "unha xestión descontrolada", que "non hai cartos nos caixóns" e que comparecía para dar conta "con transparencia do estado real das contas".
Á vista de que non lle facilitan o informe, e convencido de que "non existe", Font ve unha "escalada antidemocrática" da Deputación do PP en tan só tres meses e considera que "dá vergoña allea".
O PSdeG-PSOE da Deputación considera necesarias unhas desculpas públicas dun presidente da Deputación que "perdeu pé no seu papel institucional e utilizou aos medios de comunicación para espallar bulos, comportándose así como un hooligan partidista".
O grupo socialista dá por pechado este "desafortunado" capítulo, no que lembra que "as mentiras de López xa quedaron ao descuberto cando o PSOE exhibiu a acta de arqueo do traspaso de poderes", datada o pasado mes de xuño. "Ese documento si que é público e transparente", insisten.
Relacionadas:
-
Denuncian o "apagón" no portal de Transparencia da Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
Os socialistas negan a situación económica precaria e aseguran que a Deputación ten case 200 millóns de euros en caixa
Por Oskar Viéitez |
-
O PSOE pide "máis seriedade" ao presidente da Deputación á hora de avaliar a xestión do Goberno anterior
Por Redacción |
-
O presidente da Deputación critica a xestión "descontrolada" nos últimos meses do goberno de Carmela Silva
Por Oskar Viéitez |