Os futuros oficiais da Armada prepáranse para a guerra no ciberespazo
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Á defensa por terra, mar e aire súmaselle neste século XXI un novo escenario, o do ciberespazo, unha contorna intanxible a través da que gobernos e empresas están a sufrir ataques de grupos organizados.
"Algunos expertos advierten de que la guerra en el ciberespacio ya comenzó", afirmou o almirante Juan Luis Sobrino, director da Escola Naval Militar, na inauguración do primeiro Seminario de Ciberdefensa neste centro adscrito á Universidade.
Con estas xornadas búscase introducir ao alumnado do Centro Universitario da Defensa (CUD) nunha área que constitúe "uno de los nuevos retos del conocimiento", segundo o reitor, Salustiano Mato, coa idea de que poidan enfrontarse "a una amenaza actual, real y en crecimiento", engadiu o comandante-director de Ensino Naval, Marcial Gamboa.
DOS HACKERS Á CIBERGUERRA
De afondar en como a Armada se prepara para facer fronte a esta ameaza responsabilizouse o coronel Francisco Javier Moreu, o primeiro dos relatores deste seminario dirixido ao alumnado de quinto curso da Escola Naval. Nunha conferencia titulada A armada fronte a ciberdefensa, Moreu incidiu en que os ataques a través da rede supoñen para quen os realiza uns "costes económicos irrelevantes", producen danos de forma inmediata e "pueden llevarse a cabo desde mucha distancia a través de un entorno que proporciona anonimato al atacante".
Neste senso, Moreu diferenciou entre cinco tipos de ataques que tiveron a rede como escenario nos últimos tempos.
O primeiro deles sería o levado a cabo pola figura do hacker, que "por motivos intelectuales y de notoriedad accede a una red supuestamente segura".
Tras estes expertos en informática chegou a ciberdelincuencia, a actividade que levan a cabo grupos organizados co obxectivo de obter un beneficio económico atacando, por exemplo, os portais de entidades bancarias.
Por outra banda, a rede posibilitou tamén o desenvolvemento do ciberterrorismo, xa que internet é empregado por grupos terroristas para "publicitarse, instruir sus miembros o incluso coordinar acciones", apuntou Moreu.
Mais os ataques cibernéticos tamén poden proceder de países, capacitados para acometer accións de ciberespionaxe coas que extraer "información sensible" dos gobernos ou ter acceso aos proxectos de investigación que está a desenvolver unha determinada empresa.
Máis alá destas modalidades de ataque, existe xa un último chanzo no grao de ameazas que chegan a través da rede, un sistema hoxe fundamental para para "el normal funcionamiento de la sociedad", a ciberguerra.
De feito, Moreu mesmo expuxo ao alumnado un caso real acontecido no ano 2007, cando "una nación enmascarada, que todo hace pensar que fue Rusia", atacou Estonia a través do ciberespazo. "Cerraron todas las páginas gubernamentales y atacaron las webs bancarias, de un país en el que el 95% de la población tiene conexión la internet y en lo que existe una fuerte dependencia de la red", explicou.
Por iso, a Armada leva máis de dez anos traballando no ámbito da ciberdefensa, como explicou Moreu na que foi a primeira das conferencias que os días 30 e 31 acolle a Escola Naval con relatores como Elvira Tejada, fiscal delegada para a loita contra a delincuencia informática; Carlos Gómez, xefe do Mando Conxunto de Ciberdefensa; ou os profesores do CUD Rafael Asorei e Pablo Sendín, que o venres se encargarán tamén dun taller práctico sobre seguridade na internet.