O ximnasio municipal da Seca xa abre en horario de mañá
Por Redacción
O ximnasio municipal da Seca, en Poio, xa está aberto en horario de mañá, unha medida que o Concello sinala que está a ser un "éxito".
A primeira xornada matinal celebrouse este xoves e a partir de agora funcionará de luns a venres de 7.00 a 14.00 horas.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, visitou a instalación deportiva este xoves e confirmou "o grande interese que está espertando" a ampliación do horario.
Así, nesta primeira xornada matinal xa participaron nas actividades dirixidas de pilates e de ximnasia de mantemento preto de 60 persoas, ademais dos usuarios que acceden á zona de máquinas.
Nos próximos días tamén se ampliarán as máquinas dispoñibles, grazas a unha subvención da Xunta de Galicia, que permitirá contar cunha máquina de flexión de pernas, outra de extensión, unha máquina femoral de pé e unha máquina de prensa de pernas, catro máquinas que completarían a zona de exercicios.
O Concello lembra que esta ampliación de horario é un dos compromisos do novo Goberno para mellorar a calidade, a atención e o servizo que se ofrecen.