A CIG convoca folga no sector de oficinas e despachos da provincia
Por Redacción
A federación de Banca da CIG anunciou este martes a convocatoria dun paro parcial de tres horas no sector de oficinas e despachos da provincia de Pontevedra para este venres 3 de novembro para "reclamar un convenio colectivo digno tras 11 anos caducado e sen actualización salarial dende 2012".
A decisión foi adoptada polo persoal afectado nas asembleas promovidas pola CIG para abordar as "propostas irrisorias da patronal, que insiste en querer condenar as arredor de 6.500 persoas que traballan no sector á precariedade laboral e á miseria".
Así o denunciaron este martes en rolda de prensa a secretaria comarcal da CIG-Banca de Vigo, Iria Salvande, e o membro da CIG-Pontevedra Aitor Maquieira.
En concreto, censuraron que o empresariado pretenda conxelar a antigüidade "a cambio de migallas" (500 euros nun pago único non consolidable) e actualizar a táboa salarial de 2014 cunha suba do 10% sobre os soldos de 2012, mentres que para 2015 o incremento sería só dun 3%. Neste senso, lembraron que na actualidade todas as categorías laborais do sector (excepto titulado superior e titulado medio) perciben soldos por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional.
Por iso a CIG, que ten a maioría absoluta no sector a nivel provincial, decidiu primeiro convocar mobilizacións para lograr que a patronal se sentase a negociar "porque a situación é insostible para as traballadoras" e agora para denunciar que as propostas que o empresariado puxo enriba da mesa "están moi lonxe das pretensións dos cadros de persoal".
"Por iso as asembleas decidiron que era o momento de saír a por todas e de dicir que até aquí chegamos", manifestaron os representantes do sindicato nacionalista.
De xeito que se optou por deseñar un calendario de mobilizacións que comezará coa convocatoria dun paro parcial este venres día 3 entre as 12:00 e as 15:00 horas.
Relacionadas:
-
A CIG considera un éxito a xornada de folga no sector de oficinas e despachos
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A CIG convoca tres xornadas de folga en abril no sector de oficinas e despachos
Por Anxo Lourido |
-
"Orgullo e satisfacción" na CIG ao se converter na primeira forza sindical da área norte da provincia
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Paro parcial de tres horas no sector de oficinas e despachos da provincia
Por Anxo Lourido |