Buscan novas fórmulas para ocupar as vacantes dos mercados de Marín e Seixo
Por Redacción
Parece que non está a ser sinxelo ocupar as vacantes que existen nos mercados municipais de Marín e Seixo. De aí que o Concello estea a buscar novas fórmulas para poder cubrir os postos que están libres desde hai tempo.
Así o explicou a edil de Comercio, Cristina Acuña, que xunto coa alcaldesa de Marín, María Ramallo, participou este luns nunha nova xuntanza da mesa local de comercio.
No caso do mercado de Marín, hai dúas pequenas bancadas de peixe, un posto de carnicería e un no patio norte para actividade comercial de diversa índole. En Seixo, hai dispoñibles dous postos de peixe e dous que poden ser utilizados ben como carnicería ou ben como alimentación.
Acuña explicou que desde o Concello están traballando cos servizos técnicos para avaliar como baixar os anos polos que se concede a concesión destes locais, porque "segundo temos consultado no sector, son demasiados anos e iso disuade a posibles interesados".
Actualmente, as concesións son de 30 anos polo que se está estudando a fórmula administrativa para sacar estes postos vacantes unicamente por cinco anos.
Nesta xuntanza da mesa local de comercio tamén se aprobou a celebración despois do Nadal dunha nova edición da feira Stock Marín, coincidindo coas rebaixas de xaneiro, unha data que para os comerciantes é mellor que o Black Friday.
Por outra banda, a asociación de comerciantes de Seixo explicou todas as súas actividades de promoción comercial programadas para o 2024, que seguirán premiando a fidelidade dos clientes habituais e motivando a xeración de novos compradores para os negocios da parroquia.