CCOO esixe que a residencia de maiores da Fundación Amancio Ortega sexa de xestión pública directa
Por Oskar Viéitez
Comisións Obreiras (CCOO) esixe que as sete novas residencias de maiores que está a construir a Fundación Amancio Ortega, unha delas na cidade de Pontevedra, sexan de xestión pública directa e que estean dotadas con persoal público.
Este sindicato critica que estas cuestións non quedaron aseguradas no acto do pasado 24 de outubro, no que se lle entregou á Xunta de Galicia a nova residencia de Santiago de Compostela. A "falta de claridade" sobre estes aspectos "lévanos a pensar que pretenden continuar pola senda da privatización —baixo a eufemística fórmula de xestión indirecta— de servizos públicos esenciais", advirte o sindicato.
CCOO tamén lle afea á Xunta que tanto a construción como entrega destes equipamentos se estea facendo "con pouca ou nula información" por iso solicitou unha xuntanza urxente coa conselleira de Política Social e Xuventude "para que nos informe de primeira man" sobre cal vai ser o sistema de cobertura dos postos destes centros residenciais de persoas maiores, así como para esixirlle que sexan de xestión pública directa e, por tanto, que o seu persoal pertenza á Xunta de Galicia e teña a condición de empregado público.
Por isto, Comisións considera que as persoas maiores "non poden ser obxecto de negocio das empresas privadas, que fan caixa coa súa saúde e benestar".