A Deputación saca a licitación as obras de reforma do pavillón Castelao de Vilagarcía
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra levará este venres á súa Xunta de Goberno a licitación das obras de mellora e reforma do pavillón Castelao de Vilagarcía de Arousa. Así llo comunicou este xoves o presidente da administración provincial, Rafael Louzán, ao rexedor local, Tomás Fole, con quen se reuniu para abordar a situación actual dos proxectos deste concello arousán nos que participa o ente provincial.
Un dos asuntos abordados foi a necesidade de acelerar tanto a licitación como a execución dalgunhas obras, entre as que figura o antedito Pavillón que, segundo coincidiron Rafael Louzán e Tomás Fole, "fai uns meses era unha actuación prioritaria, pero o mal tempo constante converteuna nunha urxencia".
Nesta liña, Rafael Louzán confirmoulle ao rexedor local que a que conta cun orzamento próximo aos 150.000 euros, irá mañá á Xunta de Goberno para a súa licitación. Os traballos permitirán poñer fin aos problemas que presenta actualmente esta instalación, como son as filtracións de auga.
VESTIARIOS DO CAMPO DE SAN MARTÍN
Así mesmo, Louzán e Fole abordaron outros asuntos de interese no concello, como é a execución das obras de ampliación e mellora dos vestiarios de campo de fútbol de Vilaxoán, no que a administración provincial está a investir máis de 100.000 euros.
As obras estanse a executar nestes momentos e consisten na construción dun novo módulo de vestiarios, así como aseos e zona de almacén. Ademais, tamén está en marcha o proxecto para a mellora na área de A Xunqueira, cun investimento próximo aos 500.000 euros e que a Deputación agarda aprobar proximamente.
TRANSFERENCIA DE ESTRADAS
Outro dos temas analizados na xuntanza foi a posibilidade que baralla o Concello de Vilagarcía de facerse coa titularidade de dúas estradas troncais, como son a que vai dende a variante do porto ata o centro de Vilagarcía, que actualmente é de Fomento; e a que conduce desde o concello a Carril.
Trátase de dous treitos practicamente urbanizados e que o Concello ten intención de converter nunha gran avenida de entrada e saída de Vilagarcía, co apoio da Deputación.