Os Premios Leafies recoñecen a Beatriz Piñeiro pola súa iniciativa no Xardín de Té do Pazo Quinteiro da Cruz
Por Oskar Viéitez
Beatriz Piñeiro Lago, copropietaria do Pazo Quinteiro dá Cruz e produtora artesá de té foi recoñecida por "The Leafies", a Academia Internacional do Té, co premio Pioneer polo seu "compromiso e a súa iniciativa" no Xardín de Té do Pazo Quinteiro da Cruz en Ribadumia.
Estes galardóns de Reino Unido recoñecen os mellores tés artesanais do mundo e os xardíns de té que representan un compromiso coa sustentabilidade.
O proxecto do Xardín de té do Pazo Quinteiro da Cruz iníciase no ano 2008, de maneira artesanal, "coa permacultura e a economía circular como base de deseño", unha plantación moi produtiva con colleitas desde finais de marzo a principios de outubro.
A exconcelleira do Partido Popular en Pontevedra dirixe a empresa Tsubaki Deseño que xestiona a plantación de té. Segundo explica, optaron por un cultivo ecolóxico, con recolección e procesado totalmente artesanal, con metodoloxía propia baseada na tradición do asia oriental e que conta coa certificación de artesanía alimentaria.
Este ano presentáronse á convocatoria dos premios "The Leafies" un total de 320 tés de todo o mundo e os gañadores déronse a coñecer na cerimonia de entrega de premios.