O Concello de Poio empezará desde cero o proceso para contratar o servizo de saneamento da auga
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O Goberno local de Poio está a buscar solucións para o novo contrato de abastecemento e saneamento de agua do Concello.
Tras varias reunións de traballo cos servizos de secretaría e intervención municipais, o alcalde Ángel Moldes indica que "a conclusión é clara" respecto á situación da empresa que actualmente presta este servizo en Poio: "coa empresa actual hai anos que se extinguiu o contrato, e desde entón está traballando en precario, polo que é urxente e prioritario aprobar un novo contrato e legalizar esta situación canto antes".
Así, na Xunta de Goberno deste martes xa incluirán reservar unha partida nos orzamentos para avanzar e ofrecer a mellor solución aos veciños.
Moldes recorda que "un bo prego de condicións e un bo contrato son fundamentais para prestar un mellor servizo, para garantir a calidade da auga e, ademais, para poder facer investimentos cos que ampliar ou renovar a rede destes servizos básico".
O alcalde sinala que "coa situación que estamos padecendo desde hai anos os grandes prexudicados son os nosos veciños, estanse perdendo investimentos e melloras na prestación deste servizo. Por iso, o noso compromiso é máximo para intentar resolver este problema canto antes, un problema que se vén arrastrando desde lonxe", engade.
Con todo, este proceso será longo, xa que o novo Goberno ten que comezar os trámites desde cero "porque non se pode aproveitar ningún dos estudos feitos ata o de agora" xa que "estaban mal feitos, por exemplo, tanto a estrutura de custes, como a fórmula de revisión de prezos ou o estudo de viabilidade contiñan erros de forma e de fondo que fan que sexa totalmente inservible e, o máis grave, é que estaban asentados sobre unha base ilegal que incumpría a lei de contratos do ano 2018".
Unha lei que impide manter o sistema de taxas que hai actualmente en Poio e obriga a cambiala a tarifa do servizo. "Como é de supoñer, ningún técnico vai informar favorablemente uns documentos que incumpren de xeito tan descarado a lei de contratos", manifestou o alcalde.
Por iso, Moldes considera "inexplicable" o "tempo perdido" sen sacar durante anos a concurso o contrato cando xa estaba esgotado, e tamén "elaborando uns documentos que seguían falando de taxa cando por obriga legal deberían incluír tarifas". De feito, engade, "xa houbo informes de reparo que non tiveron en conta que advertían da ilegalidade que supoñía manter esta fórmula".
RESPOSTA DO BNG
A voceira do BNG en Poio pídelle ao Alcalde popular "que deixe de lamentarse e se poña a traballar" no novo contrato da auga que iniciouse no anterior mandato.
"Se precisa axuda o BNG presta a súa colaboración dado que estaban moi avanzados os traballos e non entendemos porque vai comezar de cero, hai que ser serios", manifestou a edil nacionalista recordando que no Pleno de decembro de 2022 dábase luz verde á tramitación provisional.
"Sabemos, que o señor Moldes, agarrase a critica, máis hai que deixar os ataques, as confusións e centrarse en solucionar os problemas dos veciños" afirmou Marga Caldas, indicando que o futuro contrato contén unha previsión aproximada duns 14 millóns de euros en investimentos para a execución de "obras de calado", como son a dotación de servizos básicos a núcleos como os de Fragamoreira ou Vilariño, ao tempo que se renovarán estruturas e tubaxes correspondentes a outras zonas do municipio.
"Pediremos informes técnicos que aclaren que toda a xestión realizada non é viable actualmente", rematou a portavoz do Bloque tras lembrar que o Concello de Poio xa contaba co estudo de viabilidade, ademais de finalizar a elaboración do prego de condicións.