O custo medio dunha voda ascende a 12.000 euros
Por Oskar Viéitez
Un estudo da Federación de Usuarios e Consumidores Independentes (FUCI) cuantificou o gasto ao que debe facer fronte unha parella ao casarse en Galicia situando o custo medio en 12.095 euros. Segundo esta Federación os recortes pola crise estanse a deixar ver nos orzamentos dos noivos que deciden dar o paso de casarse e celebrar a súa voda.
Redúcense os gastos nos detalles e complementos, e sobre todo no banquete, que segue sendo a partida co custo é máis elevado. Música, a barra libre, os traxes dos noivos, zapatos, complementos, maquillaxe, peiteado e ramo, convites, flores, a reportaxe fotográfica e a viaxe de noivos completan un investimento que varía en función das posibilidades económicas de cada parella.
Só botar contas e contactar con todos estes provedores xa supón todo un gasto. Por este motivo, preséntase como toda unha solución para as parellas o Salón de Eventos, Vodas e Grandes Celebracións "Si Quero".
A cita é no Recinto Ferial de Pontevedra durante a fin de semana do 8 e o 9 de febreiro. A concelleira de Promoción Económica, Emprego e Turismo, Carlota Román, presentou este xoves un evento que se consolida despois da súa estrea o pasado ano.
A feira, que abrirá en horario de 11 horas a 20.30 horas, contará coa participación de preto de 50 expositores de todos os sectores relacionados coa organización deste tipo de eventos. A entrada ten un prezo de 1,50 euros e os nenos pasan gratis. Os asistentes participarán nun sorteo dun cruceiro polo Mediterráneo, con duración de 7 noites para dúas persoas para o público asistente. Cortesía de viaxes El Corte Inglés e Costa Cruceros.
Carlota Román subliñou que o programa feiral de Pontevedra comeza o ano con fortaleza, pois o salón de vodas celébrase tan só unha semana despois da feira de oportunidades "Stock Pontevedra", que arranca este venres.
O salón vai ocupar unha superficie próxima aos 3.000 metros cadrados do Recinto Feiral e trabállase para garantir a calidade do espacio expositivo. A oferta incluirá unha pasarela na que están programadas diferentes actividades. Ademáis das xa citadas en "Si Quero" poderá coñecerse a mellor oferta existente nos sectores de catering, repostería, coches clásicos, animación, hoteis, carpas e estruturas, música clásica, autobuses e, como non, financiamento.