Todo o necesario para dar o 'si, quero', no Recinto Feiral de Pontevedra
Se estás a piques de dar o tradicional 'si, quero', o Recinto Feiral reúne esta fin de semana todo o que necesitas para que a celebración da túa voda sexa inesquecible. Medio centenar de expositores participan na II edición de Si, Quero, o Salón de Eventos, Vodas e Grandes Celebracións de Pontevedra, un evento que concentra as últimas tendencias para datas sinaladas como vodas, bautizos ou comuñóns.
O salón ocupa unha superficie próxima aos 3.000 metros cadrados e a súa oferta inclúe empresas de catering, repostería, coches clásicos, animación, hoteis, carpas e estruturas, música clásica, fotógrafos, axencias de viaxes, floristerías, autobuses, profesionais en deseño e impresión ou tendas de moda. Ademais, Si, Quero conta cunha pasarela na que se realizan desfiles de traxes de festa ou de noivos e numerosas actividades.
Calcúlase que cada enlace supón un custo medio duns 20.000 euros, un prezo que moitos interesados buscan reducir ao contactar directamente coas empresas do sector presentes neste salón. Segundo algunhas delas, o principal gasto prodúcese no banquete, a viaxe de noivos e nos traxes dos contraíntes. As mellores opcións para todas estas cuestións reúnense en si, Quero.
A entrada á feira, que abre en horario de 11 horas a 20.30 horas, ten un prezo de 1,50 euros e os nenos pasan gratis. Os asistentes participarán nun sorteo dun crucero polo Mediterráneo, con duración de sete noites para dúas persoas.
Os seus organizadores esperan repetir as cifras da pasada edición, na que pasaron por este salón de vodas e grandes celebracións máis de 2.000 persoas.