Olimpíadas para o recreo de 450 escolares
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Coa idea de "aprender divertíndose", desenvólvense as segundas Olimpíadas do Recreo, que se iniciaron en oito colexios públicos de Pontevedra que participan na primeira fase dunha competición, na que o menos importante é o resultado.
O concelleiro de Educación, Agustín Fernández, achegouse esta mañá ata o colexio Álvarez Limeses para asistir a unha das xornadas da primeira fase destas Olimpíadas, dirixidas a alumnos de quinto e sexto de primaria. Os nenos mediron os seus coñecementos durante máis de dúas horas e media con preguntas sobre educación e cultura, baseadas na historia, xeografía, xestas deportivas e as actividades culturais no concello de Pontevedra. A continuación desenvolvéronse as fases sobre temas científicos, deportivos e de saúde. Nesta última fase, unha dietista explica aos escolares a importancia de manter unha dieta equilibrada e os estudantes realizan a planificación dunha compra semanal.
Os catro colexios mellor clasificados pasarán ás semifinais e, en caso de ser eliminados, auna rolda de consolación. A gran final disputarase a mediados de curso entre os dous mellores equipos. As Olimpíadas finalizarán cunha gran festa para todos os escolares. Os gañadores obterán un cheque-regalo de material escolar valorado en 400 euros.
Os colexios que participan nesta segunda edición son San Bieito de Lérez, Álvarez Limeses, Santo André de Xeve, Marcón, A Carballeira, Cabanas, Xunqueira I e Froebel.