A Xunta subvencionará o 100 % das cotizacións dos primeiros 12 meses para todos os autónomos que inicien a súa actividade o ano que vén
Por Oskar Viéitez
A Xunta lanzará en 2024 de forma "pioneira e novidosa" a 'Cota cero' para todas as persoas que inicien a súa actividade como autónomos.
Deste xeito, subvencionarase o 100 % das cotizacións dos primeiros 12 meses para as persoas que se dean de alta o vindeiro ano.
Así o anunciou este luns o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras a súa participación na Mesa do Autónomo, celebrada no espazo coworking 'Dálle que dálle' en Vilagarcía de Arousa, onde estivo acompañado da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo.
O Goberno galego investirá nesta medida 9,6 millóns de euros, coa que se prevé chegar a unhas 10.000 persoas e será compatible coas axudas que a Xunta xa ten en marcha para o inicio da actividade autónoma.
Xunto coas achegas de 20 millóns de euros en axudas para sufragar os gastos de primeira actividade, cada autónomo en Galicia poderá percibir ata case 8.600 euros de axuda.
Galicia é a comunidade autónoma con maior porcentaxe de autónomos de toda España, 20 %, fronte ao 16 % da media, o que ten un efecto positivo na economía da comunidade.