Francisca Fariña, única candidata ao Decanato de Ciencias da Educación e do Deporte
Por Redacción
Dar continuidade ao traballo desenvolvido nos últimos anos é o eixo central da única candidatura presentada ás eleccións ao Decanato da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Á fronte desta sitúase a catedrática Francisca Fariña, que desempeña o cargo de decana desde maio de 2010 e que decidiu optar de novo ao posto despois de que "membros da facultade fixérannos chegar o seu interese porque o actual equipo continuara".
De feito, na directiva incluída na proposta que se someterá a votación o vindeiro luns figuran a actual secretaria, María de los Ángeles Fernández, e tres dos catro actuais vicedecanos, Jorge Viaño, Uxío Pérez e Carlos Lago, aos que se suma Esther Martínez.
Despois que o pasado luns se pechase o prazo de presentación de candidaturas, este mércores a Xunta Electoral procedeu á proclamación provisional da lista encabezada por Fariña e deu apertura a un período de reclamacións que concluirá o venres coa proclamación definitiva da candidatura.
Tanto Jorge Viaño, vicedecano de Calidade e Innovación Educativa; como Uxío Pérez, responsable de Organización Académica, Espazos e Equipamentos, e Carlos Lago, vicedecano de Relacións Institucionais e Estudos de Posgrao, forman parte da candidatura que o vindeiro luns se someterá a votación e que tamén integra a actual secretaria da facultade, María de los Ángeles Fernández. A única variación nesta proposta con respecto ao actual grupo directivo en funcións é a entrada de Esther Martínez na área de Estudos de Grao, Practicum e Formación Continúa, na que tomaría o relevo de Roberto Barcala.