Temos "chica nueva" na facul
Por Oskar Viéitez
Con ilusión, dedicación e responsabilidade asume o seu novo cargo como decana da Facultade de Fisioterapia, Eva María Lantarón. A liña a seguir é a marcada polo anterior equipo decanal no que a calidade docente era unha das súas máximas e do que ela tamén formou parte baixo o liderado de Manuel Gutiérrez Nieto. Para os próximos tres anos, o novo equipo persegue a ampliación da facultade creando un centro asistencial docente investigador e pretende pór en marcha un mestrado multidisciplinar no que non só teñan cabida os graduados en Fisioterapia.
Acompáñana, nesta nova etapa, Alicia González Represas como vicedecana e José Manuel Pazos Rosales como secretario.
Segundo comenta Lantarón, unha das prioridades da facultade a curto prazo "é continuar cubrindo as necesidades da sociedade dotando ao mercado laboral de profesionais sobradamente cualificados e mellorando así a súa calidade asistencial". Con todo, no que atinxe á inserción do alumnado recoñece que, na actualidade, a maioría destas ofertas aparecen vinculadas a contratos temporais. Isto explica que moitos deles decidan compaxinar as súas carreiras profesionais coa formación continúa "e é por iso que nós lles ofrecemos a posibilidade de continuar formándose, a través de cursos e xornadas, en especialidades que o plan de estudos do grao non recolle con detemento" asegura.