Preocupación no PSOE e BNG de Marín pola xestión económica do goberno local
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O PSOE e o BNG, partidos da oposición no Concello de Marín, critican a xestión económica e fiscal do goberno popular de María Ramallo.
Manuel Pazos, portavoz socialista, critica a subida de taxas aprobada no último pleno por ser arbitraria e por carecer de progresividade fiscal, que impoña máis impostos a quen máis ten. Sinala que a alcaldesa presumía na campaña electoral da situación económica e agora pasa a subir a presión fiscal sobre a cidadanía.
O socialista entende que as contas "xa non cadran desde hai polo menos dous anos". Lembra que a decisión adoptada polo goberno local chega tras a subida hai escasos meses dos salarios do grupo de goberno advertindo que María Ramallo gaña máis que o presidente do Goberno. "Parécenos moi pouco estético", afirma Pazos.
Advirte que se subiu a taxa de rodaxe aos turismos pero non aos camións nin ás motos. "Sóbense os impostos a uns si e a outros non, pero sen criterio", conclúe.
Pola súa banda, Lucía Santos, portavoz municipal do BNG, alerta da frecuencia coa que o goberno local recorre a suplementos de crédito como resultado dunha "planificación deficiente" na xestión financeira.
Explica que neste 2023, o PP aprobou tres expedientes de modificación de crédito por un total de 2.053.802 euros, cantidade que se destina a asumir gastos do Concello, alerta.
A representante nacionalista manifesta que no expediente de modificación de crédito aparecen gastos de mantemento que non figuraban cunha asignación orzamentaria en 2023.
Tamén critica a xestión do goberno do PP no aumento do período de pago a provedores, que se sitúa en 70.2 días. Mostra, ademais, a súa preocupación polas facturas pendentes de pago que afectan a pequenas empresas.
Pide a Manuel Santos, concelleiro de Facenda, que ofreza información detallada sobre a situación orzamentaria do Concello de Marín para garantir o uso responsable dos recursos públicos.