O PP presume de que Rueda "cumpre coa súa cidade" cos orzamentos para 2024
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
"O presidente Rueda cumpre con Pontevedra. O presidente Rueda cumpre coa súa cidade". Así sacou peito este venres o presidente do PP de Pontevedra, Rafa Domínguez, da firme aposta da Xunta de Galicia co municipio nos orzamentos par 2024.
Rafa Domínguez e a deputada autonómica Lupe Murillo presentaron este venres os principais datos do proxecto de Lei de Orzamentos para 2024 para Pontevedra. A Xunta presentou as contas este venres e, horas despois, o PP local debullou o impacto das mesmas no municipio.
A partida orzamentaria máis importante para a cidade son os 76,3 millóns de euros que se destinan ás obras do Gran Montecelo, 50,7 millóns de euros para completar as obras de ampliación e 25 millóns para a compra de novo equipamento.
Rafa Domínguez lembrou que durante moitos anos "díxose que era unha quimera" e que nunca se faría esta obra, pero agora xa é unha realidade e "a partir do ano que vén vaise ver e a gozar".
Con esta actuación, insistiu Domínguez, "vai mellorar a atención sanitaria de miles de cidadáns e as condicións de traballo os profesionais que traballan no hospital".
A seguinte actuación de maior importancia deste proxecto orzamentario é a mellora da estrada PO-546, a coñecida como estrada vella de Marín, que ten destinados 6,6 millóns de euros para a reforma e humanización. "Vai verse humanizado e cunha mellora moi importante", explicou Domínguez.
Ademais, o proxecto recolle 873.00 euros pra a mellora do Pazo de Lourizán, que van permitir que "deixe o estado de abandono" ao que asegura que o abocaron durante anos as diferentes administracións, antes da recente transferencia da Deputación Provincial á Xunta de Galicia.
Lupe Murillo insistiu en que estes orzamentos son os máis altos da historia da Xunta, con 13.257 millóns de euros, que no caso de Pontevedra son, ademais, "moi sociais", en cuxa elaboración "se pensou moito na xente e nas necesidades da cidade de Pontevedra".
Así,a demais dos 76,3 millóns destinados a sanidade co Gran Montecelo, apuntan que hai outros 2,5 millóns para educación coa reforma do instituto Valle-Inclán e tres millóns pensados para as persoas maiores, para a reforma integral da residencia pública de Campolongo.
Tamén recolle outros 1,4 millóns para a reforma do centro de menores Avelino Montero, un centro do que Lupe Murillo indicou que, polas características da súa actividade, sofre unha importante deterioración.
Rafa Domínguez declárase "moi satisfeito co que significan para Pontevedra" estes orzamentos e Lupe Murillo lembrou que as contas recollen "os acenos de identidade" do presidente da Xunta, o pontevedrés Alfonso Rueda e "son positivos para Pontevedra".
Lupe Murillo tamén lembrou que o luns se reunirán Alfonso Rueda e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, para poñer en común as necesidades que ten a cidade.
Relacionadas:
-
"Decepción" no Concello de Vilaboa cos orzamentos da Xunta que cualifica de "desleais"
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta subvencionará o 100 % das cotizacións dos primeiros 12 meses para todos os autónomos que inicien a súa actividade o ano que vén
Por Oskar Viéitez |
-
Lores trasladará o luns no encontro con Rueda o seu malestar polos orzamentos "decepcionantes" da Xunta
Por Anxo Lourido |