O luns haberá obradoiros na rúa para aprender a facer unha reanimación cardiopulmonar
Por Redacción
Todos podemos salvar unha vida ante unha parada cardíaca. Por iso, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés celebrará o vindeiro luns, 16 de outubro, o Día Mundial da Parada Cardíaca e da RCP –reanimación cardiopulmonar- cuns obradoiros abertos a todas as persoas que desexen participar, sexan traballadores, doentes ou familiares.
Os profesionais sanitarios dos Servizos de Medicina Intensiva e Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra serán os responsables de impartir esta formación durante a mañá do vindeiro luns 16 de outubro.
A doutora Ana Ortega Montes, intensivista do Hospital Montecelo, explica que "o obxectivo desta iniciativa é divulgar entre toda a poboación as manobras de reanimación cardiopulmonar básica, de xeito que calquera poida aplicar uns primeiros auxilios no caso de paro cardíaco ou dun infarto".
LUGAR E HORARIO
Estes obradoiros de RCP básica celebraranse nos vestíbulos das entradas principais tanto do Hospital Montecelo coma do Hospital Provincial, en horario de 10:30 a 13:00 horas.
En cada centro sanitario do Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés haberá un equipo integrado por profesionais da medicina, a enfermaría así coma residentes en formación para explicar as nocións básicas da reanimación cardiopulmonar a tódalas persoas interesadas en aprender dita técnica.
Relacionadas:
-
Falta concienciación social para entender a importancia da reanimación básica
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Denuncian esperas de máis dun ano para unha cita nas unidades de saúde mental da área sanitaria
Por Redacción |
-
Petición directa a José Flores, xerente da área sanitaria, para que aumente o número de facultativos en Poio
Por Redacción |
-
O Parlamento galego instará á Xunta a establecer un protocolo único nos partos con cesárea
Por María José Pita |