Comeza a reparación da pasarela do Gafos baixo a Avenida da Estación
Por Redacción
A tenente de alcalde, Eva Vilaverde, e o concelleiro de sostemento de espazos públicos, Xaquín Moreda, visitaron este mércores os traballos de renovación e reconstrución da pasarela voada sobre o Gafos e baixo a ponte da avenida da Estación que permitirá conectar a senda urbana do Gafos coa avenida de Josefina Arruti.
Esta pasarela foi incluída dentro do proxecto de reforma da estación de autobuses e a súa contorna.
A renaturalización do Gafos neste punto da avenida viuse afectada por un incendio causado por un indixente que durmía no lugar, mentres se realizaban as obras de mellora da estación.
Unha vez recibida a contorna da estación de autobuses, o Concello tramitou a urxente reparación desta pasarela que se pechou ao tránsito de peóns por ser perigosa.
O incendio afectou ás táboas, vigas e ao taboleiro da pasarela que foi retirada na súa integridade esta mañá e comezou a ser substituído por material novo.
A obra poderá estar rematada en dous ou tres días.
O concelleiro Xaquín Moreda explicou que esta primeira intervención urxente no Gafos estaba prevista dentro do plan de recuperación das sendas do paseo do Gafos. "A esta zona, como dixo o alcalde, queremos devolverlle o esplendor que tivo xa que é moi utilizada por moita xente e poucas cidades teñen a sorte de ter un espazo natural coma este no centro", destacou
Moreda adiantou que a seguinte intervención de calado será a substitución da senda do xabre no tramo urbano entre a avenida da Estación e a avenida de Vigo, que poderá comezar nas vindeiras semanas.
Relacionadas:
-
Posta a punto do paseo dos Gafos desde a estación ata Campolongo
Por Redacción |
-
Nove edificios serán revisados no estudo xeotécnico para decidir o destape do río Gafos
Por Anxo Lourido |
-
Lores, sobre o Gafos: "Temos a vontade de destapalo pero non nos meteremos nunha obra así a cegas"
Por Alejandro Espiño |
-
Campolongo reclama "deixar de dar voltas" co destape do Gafos "e saber se o van a abrir ou non"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Encargan un estudo do estado do treito urbano do Gafos para impulsar un proxecto "viable" para destapalo
Por Alejandro Espiño |