O BNG fai un balance negativo dos primeiros cen días do novo goberno da Deputación
Por Oskar Viéitez
O portavoz do BNG na Deputación, César Mosquera, fixo este mércores unha valoración dos 100 días do novo goberno do Partido Popular na administración provincial do que dixo estar "sorprendido negativamente" asegurando que "están a pasar cousas que nunca antes pasaran", como tardar un mes para o reparto de áreas e apurar os prazos máximos legais, o que levou a unha "paralización" da administración.
Subliñou que hai unha carga de traballo "moi asimétrica", así como unha división clara entre dous tipos de deputados "os que veñen a resolver problemas" como os responsables de áreas como Mobilidade e Cooperación, e "os que están obsesionados en parar proxectos e destruír", buscando "conspiracións" do anterior goberno de BNG e PSOE.
O voceiro nacionalista citou a Jorge Cubela e Javier Tourís como interesados en "resucitar as peores políticas" que incluso o ex presidente da Deputación Rafael Louzán tiña eliminado, como o Plan de Acción Comunitaria "ou plan de acción caciquil", do que dixo que a día de hoxe suporía que alguén "estivese no trullo ou inhabilitado".
Manifestou tamén Mosquera o que xa dixera no último pleno, que a pesares de que o trato con el e co grupo do BNG está a ser cordial, "o PP está a intentar derruír os avances" dos nacionalistas nos últimos 8 anos.
Mosquera volveu a tender a man para explicar o "funcionamento real" da institución co fin de que "todo vaia mellor".
DESAUTORIZACIÓNS A DOMÍNGUEZ
O portavoz nacionalista non quixo deixar pasar a oportunidade de poñer o foco no vicepresidente Rafael Domínguez e, ao seu entender, as "continuas desautorizacións" que sufriu dende o principio do mandato por parte dos seus "xefes".
Mosquera enumerou varias das rectificacións que o ‘popular’ pontevedrés tivo que asumir: dixo que Domínguez filtrou publicamente que ía ser vicepresidente primeiro e acabou sendo vicepresidente segundo porque se priorizou á candidata de Vigo; subliñou que dixo que ía ser o "virrei" de Pontevedra levando todas as áreas relativas ao Concello, pero finalmente só é deputado do Museo e o Arquivo "e non de Príncipe Felipe, nin de Areeiro, ni do ORAL, nin de Cultura ou Deportes".
Tamén salientou, entre outras cuestións, que Rafa Domínguez nomeou a Ángeles Tilve como directora do Museo de Pontevedra "para o presente e futuro", cando despois sóubose que era un nomeamento provisional e que Tilve só asume funcións xa que non é funcionaria e non pode ocupar o posto polo que será preciso abrir un concurso para cubrir a praza.