Inician as obras do aparcamento disuasorio proxectado nas inmediacións da Variante de Marín
Por Redacción
As máquinas traballan xa no núcleo de Ameal, en Marín, para habilitar o novo aparcamento disuasorio proxectado pola Xunta de Galicia nas inmediacións da Variante de Marín co obxectivo de fomentar o uso do vehículo compartido.
Trátase dunha instalación situada nas proximidades da Variante de Marín (VG-4.4) e da vía provincial EP-1202 cunha superficie total de 3.000 metros cadrados.
Segundo informa a administración autonómica o aparcamento dispoñerá dun total de 82 prazas, 79 en batería e 3 en liña. Ademais, tres desas prazas serán para persoas con mobilidade reducida e haberá preinstalación de puntos de recarga para vehículos eléctricos.
Nas obras en execución inclúese a habilitación de itinerarios peonís de 1,8 metros de anchura para garantir unha mobilidade segura no seu interior, zonas de arboledo e iluminación público e, no bordo, as correspondentes beirarrúas.
Ademais, atendendo á petición realizada polo Concello de Marín, as obras incorporarán unha marquesiña para facilitar o acceso e espera das liñas de autobús neste punto.