No primeiro capítulo do podcast 'Cos 5 sentidos' dedicado ás prazas do centro histórico pontevedrés, deixamos o percorrido na praza de Méndez Núñez. Así, retomamos andaina cara á rúa Real para seguir polo tramo urbano do Camiño de Santiago. Neste roteiro a primeira das paradas está na praza que leva o nome mitológico do fundador de Pontevedra: a praza do Teucro. Lembramos a súa toponimia anterior, os edificios máis senlleiros que a conforman e tamén algunha referencia televisiva que usou este enclave.
O percorrido deste segundo capítulo continúa na Praza das Cinco Rúas, un lugar con reminiscencias literarias que achegan dous dos elementos arquitectónicos e tradicionais que se sitúan neste particular recuncho da cidade do Lérez.
E completando o podcast, que serve de audioguía para quen queira visitar ou revisitar os lugares sinalados; chegamos ata a praza Valentín García Escudero e a praza do Peirao. É aquí, xunto á fachada fluvial da cidade, onde o tempo lévanos ata o porto galego máis importante en Galicia durante os séculos XV e XVI e á figura de Cristóbal Colón.
'Cos 5 sentidos' pode escoitarse na ligazón que se adxunta e tamén se pode descargar desde a web de PontevedraViva Radio. Trátase dunha publicación divulgativa financiada polo Plan Social Ence (#enceplansocialpontevedra).