Ingresa en prisión un dos sete detidos en Bueu por tráfico de drogas
Por Oskar Viéitez
O Xulgado de Instrución número dous de Marín decretou o ingreso en prisión dun veciño de Bueu de 49 anos de idade. Este home formaba parte das sete persoas detidas pola Garda Civil no marco a operación "Maco 23" relacionada co tráfico de drogas. Os outros seis quedaron en liberdade con cargos.
A Garda Civil detivo a estes sete individuos ao considerar que integraban un grupo asentado na localidade de Bueu, que se dedicaba á distribución de substancias estupefacientes.
Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, as investigacións iniciáronse mediado o ano 2022, froito da análise da información sobre a distribución e subministración de droga.
Os axentes aseguran que esta organización investigada tiña "dominio absoluto do mercado" na localidade de Bueu e arredores.
A explotación da operación deu comezo o pasado día 4, efectuándose rexistros nas localidades de Cangas e Bueu, participando nos mesmos outros compoñentes como o Equipo EBIO de Pontevedra, e o Servizo Cinológico da Comandancia.
Durante estas actuacións foron intervidos 1.500 gramos de cocaína, 1.200 gramos de heroína, básculas de precisión, diferentes substancias de corte para a súa elaboración, unha envasadora ao baleiro, móbiles, dous automóbiles e 65.000 euros en efectivo.