O timo do "Romance Scam" cústalle 18.700 euros a unha pontevedresa namorada dun militar estadounidense
Por Oskar Viéitez
A Garda Civil alerta dunha estafa coñecida como 'Romance Scam' ou o 'timo do amor'.
Adóitase levar a cabo na aplicación de citas Tinder e as vítimas teñen un mesmo perfil: persoas de idade avanzada que viven soas e sen ocupación. Os estafadores contactaban con elas mostrándose cariñosos e atentos facéndolles cre que iniciaban unha relación sentimental.
Para o intercambio de mensaxes usaban fotos de modelos e actores pouco coñecidos, os ciberdelincuentes facíanse pasar por un home occidental de profesión militar ou policía e que estaba desprazado por traballo a unha zona de conflito.
Con posterioridade utilizando diversos pretextos pídelle axuda económica e a vitima formaliza diversas transferencias bancarias actuando de boa fe.
Con esta treta a unha pontevedresa estafáronlle 18.700 euros, facéndose pasar por un militar estadounidense.
Agora o Equipo de Investigación Tecnolóxica da Unidade Orgánica da Policía Xudicial da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, investiga a tres persoas, unha muller e dous homes, veciños de Barcelona, pola súa presunta implicación nun delito de estafa e branqueo de capital.
Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, a investigación dá comezo por mor dunha denuncia formalizada no mes de xaneiro do presente ano, pola vítima, tras sufrir este timo do amor.
O importe total da cantidade defraudada ascende a un total de 18.700 euros, aínda que se consegue a retrocesión da última operación e recupéranse 2.000 euros, tras decatarse do engano.
A complexa investigación desenvolvida pola Garda Civil, estivo dirixida a un minucioso estudo de ata catro contas bancarias utilizadas para transferir o diñeiro defraudado, usando ademais identidades inexistentes, co obxecto de dificultar desta forma a investigación policial.
Finalmente co eficaz labor policial, puidéronse bloquear 7.500 euros nunha das contas utilizadas.
As dilixencias foron postas ao dispor do Xulgado de Garda de Cangas do Morrazo.