Marín destinará 90.000 euros á iluminación do próximo Nadal
Por Redacción
A preparación das festas de Nadal de Marín xa está en marcha. O goberno municipal sacou a licitación o contrato para a iluminación dos espazos públicos. A este cometido destinará a mesma contía que o ano pasado, 75.000 euros máis IVE, é dicir, 90.750 euros.
O obxectivo da contratación é o arrendamento, instalación, mantemento e desmonte das luminarias, así como os seus soportes e ancoraxes, que farán que as rúas e prazas de Marín respiren ambiente de Nadal durante esas datas tan entrañables.
As empresas interesadas teñen de prazo ata o 13 de outubro para presentar as súas ofertas.
Para a adxudicación do alumeado de Nadal non só se terán en conta as propostas económicas, senón tamén criterios de calidade e de experiencia de prestación deste servizo.
Ademais, valorarase de xeito principal a utilización de tecnoloxías que permitan o aforro enerxético e a sostibilidade medio ambiental e tamén o fomento da integración social de persoas con discapacidade, persoas desfavorecidas ou membros de grupos vulnerables.
En canto á propia iluminación, os criterios de valoración terán en conta a boa coordinación na colocación dos elementos nas rúas, a modernidade e a innovación dos elementos ofertados, así como a súa non repetición con respecto a outros anos.
A maiores deste investimento, o Concello fará outra importante aposta polas estacións decorativas, que veñen a completar á iluminación para engalanar Marín, así como nas carpas Engado Marín e todas as actividades que entran dentro da programación municipal.