Marín redactará un plan especial de protección para o casco antigo e Cantodarea
Por Oskar Viéitez
O Concello de Marín vén de solicitar ao Fondo de Cooperación para as Entidades Locais a subvención que ofrece este ente para a redacción do plan especial de protección para o casco antigo e para Cantodarea.
O concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos, sinalou que estas son dúas zonas da vila que, polas súas particularidades, requiren dun especial tratamento para garantir a conservación da súa esencia e do patrimonio.
Tal e como explica Santos, no PXOM xa se recolle a necesidade de crear este plan especial para estas dúas zonas, "co obxectivo de marcar as directrices urbanísticas que permitan desenvolver proxectos nelas". Xa que, ata o momento, nestes espazos só está permitido conservar e manter o que xa está construído.
Para poder elaboralo, solicitarase esta axuda por 302.500 euros. A duración estimada é de dous anos.
A redacción vaise realizando parcela a parcela. O obxectivo final, como indicou o edil, "é poder seguir desenvolvendo urbanísticamente Marín pero sen perder o foco da nosa arquitectura e fisionomía e respectando a tradición urbanística do espazo histórico e dun barrio tan tradicional e mariñeiro como é Cantodarea".