Presentada a quinta edición da marcha 'Pontevedra en marcha contra o cancro'
Por Redacción
Recadar fondos para financiar a investigación contra o cancro é o obxectivo da quinta edición de 'Pontevedra en marcha contra o cancro', marcha que foi presentada oficialmente este martes no Concello de Pontevedra.
Trátase dunha proba non competitiva que se celebrará o vindeiro domingo 8 de outubro a partir das 10.30 horas, con saída na Avenida Montero Ríos.
"Son poucos quilómetros, 6,75, e apta para todos os públicos, para correr ou camiñar", explicou a edil Anabel Gulías, para quen "o importante é que todo o mundo nos involucremos".
Todo recadado no evento organizado pola Asociación Española Contra o Cancro (AECC) destinarase a continuar fomentando a investigación sobre esta enfermidade, financiando proxectos coa meta de alcanzar o 70% de supervivencia no ano 2030.
As inscricións, a un prezo de 12 euros para os adultos e de 6 euros para nenos e nenas de 4 a 12 anos, poden formalizarse ata o 4 de outubro na sede da AECC ou na páxina web da marcha.