Xulgan tres persoas por dar licenzas falsas para remolques de feira
Por Oskar Viéitez
A Sección cuarta da Audiencia provincial de Pontevedra sinalou para os próximos 28 e 29 de xaneiro a apertura de xuízo oral contra os irmáns José Luis e Carlos L.L., e a muller deste último María José S.D. acusados dun delito continuado de falsidade en documento oficial.
Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, José Luis L.L. constituíu unha empresa dedicada á construción de remolques, solicitando o Ministerio de Industria e obtendo o correspondente alta no Rexistro de Fabricantes e Representantes para as marcas LEIRO e LOYSEGADE.
Pola súa banda o seu irmán Carlos solicitou e obtivo a alta para a marca CARMA que lle foi concedida tanto a el como á súa muller María José.
Para obter unha homologación de tipo, os acusados presentaran os correspondentes modelos de remolque.
Segundo o Ministerio Fiscal, polo menos entre os anos 2003 e 2008 os tres acusados dedicáronse a expedir a terceiras persoas a cambio de prezo, tarxetas de inspección técnica de vehículos para legalizar remolques, na súa maior parte dedicados a atraccións de feira, "facendo constar en todas elas que os referidos vehículos se axustaban ás características técnicas á dalgún dos modelos homologados cando isto non era certo".
Nalgúns casos tratábase de remolques fabricados por eles pero noutros moitos casos "nin fabricaran, nin inspeccionaran, limitándose os acusados a elaborar a ficha técnica" coas dimensións, pesos e medidas que lles facilitaban, "afirmando nela que eran coincidentes coas dalgún dos tipos homologados cando isto non era así".
Segundo consta no escrito de acusación, en xeral os propietarios dos vehículos, con residencias en distintos puntos de España, poñíanse en contacto con algún dos tres acusados.
José Luis foi condenado como autor dun delito de falsidade en sentenza do ano 2007 á pena de seis meses de prisión e os outros dous acusados carecen de antecedentes penais.
A Fiscalía pide seis anos de prisión para José Luis con multa de 24 meses cunha cota diaria de dez euros e inhabilitación especial para a fabricación de remolques por un período de 6 anos. Para os outros dous acusados, Carlos e María José, solicita cinco anos de prisión para cada un e multa de 20 meses cunha cota diaria de 10 euros e inhabilitación especial por cinco anos.