O Concello de Soutomaior avanza na cobertura de fibra óptica nos barrios
Por Oskar Viéitez
O Concello de Soutomaior vén de anunciar que a cobertura de fibra óptica nos barrios "avanza a bo ritmo" despois de que así o confirmase a empresa Aurea nunha reunión este venres. Nesta xuntanza, os representantes de Aurea explicaron ao alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e ao concelleiro responsable de Novas Tecnoloxías, Diego Moreira, que nas últimas semanas leváronse a cabo os traballos de instalación de fibra óptica en Vela, Cortevella, A Coutada e Cortellas, quedando estas zonas cubertas.
Ademais, desde a empresa de telefonía comprometéronse co Concello de Soutomaior a que, baixo condicións de demanda por parte da veciñanza, estudará a instalación de fibra óptica en zonas de Soutomaior onde aínda non chegou este servizo, e a ampliación da instalación naquelas zonas e barrios onde o servizo de fibra óptica si estea instalado pero non cumpra cos niveis de demanda requiridos.
O alcalde Manu Lourenzo sinalou que "xa mantivemos varias reunións con Aurea para abordar a instalación de fibra óptica nos barrios de Soutomaior co obxectivo común de achegar este servizo aos fogares da veciñanza".
"Agradecemos á empresa Aurea que en todo momento se puxese a disposición do Concello de Soutomaior para acelerar o proceso de instalación da fibra óptica nos barrios e que o servizo estivese habilitado o antes posible", engadiu Lourenzo.
Neste sentido, o alcalde Manu Lourenzo subliñou que "o goberno de Soutomaior traballou e segue a traballar para que toda a veciñanza de Soutomaior teña a súa disposición o servizo de fibra óptica se así o require". "A cobertura de Vela, Cortevella, A Coutada e Cortellas é unha boa noticia, pero imos seguir a traballar para que toda a veciñanza de Soutomaior poida desfrutar do servizo coa mellor calidade posible", concluíu o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo.
Relacionadas:
-
Soutomaior apúntase ao 'transporte a demanda' para trasladar a colectivos vulnerables ao médico e xestións públicas
Por Redacción |
-
Soutomaior envórcase cunha familia que perdeu a casa por un raio: "Nun par de horas quedaron sen nada, co posto"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Recollen preto de 17.000 quilos de uva nos viñedos do Castelo de Soutomaior
Por Redacción |