A xuízo por unha violación en Sanxenxo: el di que “non fixen nada sen antes preguntarlle” e ela non se acorda de nada
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra deixou este xoves visto para sentenza un xuízo contra un mozo acusado dun delito de abuso sexual por violar unha amiga de toda a vida á que atopou na rúa bebida e logo levou á súa casa e mantivo relacións con ela. O tribunal deberá agora decidir entre dúas versións contrapostas do ocorrido, pois mentres o acusado sostén que foron relacións consentidas, a vítima mantén que esa noite estaba moi bébeda e non se acorda de nada.
Os feitos ocorreron o 29 de agosto de 2021 en Sanxenxo. A denunciante saíra coas súas amigas, apenas ceara e bebera "bastante viño" e "tres ou catro copas". Sobre as 3:00 horas da madrugada estaba nas inmediacións dun establecemento 24 horas porque a levaban as súas amigas "para que comese algo" cando se atopou co acusado.
A moza relatou protexida por un biombo e por momentos tivo que deter o seu testemuño porque se botou a chorar. Relatou que "o meu último recordo da noite foi estar alí sentada comendo pizza e vomitando" e que as súas amigas relatáranlle que "estaba mal". Xa o seguinte recordo que ten é "pola mañá, na miña casa". "Non lembro aquela noite", insistiu.
Pola mañá espertouse na súa cama con alguén á beira. Cando se deu conta de quen era asegura que "me tranquilizou", pois era un amigo de toda a vida, ao que coñecía desde a gardería, considerábao "como un irmán" e a súa familia tratábao "como a un fillo".
Esa mañá foi a traballar e, de súpeto, viñéronlle "dous flashes" nos que saía o seu amigo encima dela, nun ela dicíalle "para, para" e no outro el dicíalle que se quitase a camiseta do pixama. Xa pola tarde, falou con el por WhatsApp e el contoulle que mantiveran relacións sexuais, que ela estaba "moi arrimada", que "a iniciativa a tivera ela" e que sentía moito se lle facía dano.
O acusado recoñeceu esa e outras conversacións de WhatsApp en termos similares. O fiscal leu algunhas durante o xuízo, nas que di "quedeime raiado cando me dixeches que non te acordabas de nada" e "sei que ousábado cagueina, cagueina moitísimo", ademais de pedirlle perdón "síntoo moito, de verdade". Na sala explicou que "lle pedín perdón por como ela podía sentirse", non porque crese que fixese algo indebido, senón porque "me fodía como ela se podía sentir".
Sobre os feitos, relatou que ía en coche cando viu á súa amiga en Sanxenxo e parou. Preguntoulle se bebera moito e "ela dixo que non, que a collera o frío" e estiveron a falar "durante media hora" sobre os seus problemas, polos que esa noite estaba triste, e logo pediulle que a leva a casa. Polo camiño, falaron dos problemas dela e, cando chegaron a casa, sacouse os tacóns, subiu os dous pisos sen ascensor e abriu ela mesma a porta.
Segundo o seu testemuño, "eu non tiña intención de quedarme con ela", pero, de camiño, ela "preguntoume se podía quedarme a durmir con ela". Avisou ao seu pai e quedou en casa. Xa dentro, ela ensinoulle ao seu novo can, ao que acababan de adoptar, foron á habitación, ela espiuse e puxo unha camiseta de pixama e metéronse na cama.
"Ela abrazouse a min e empezou a achegarse", explica el, que nese momento insiste en que "pregunteille se quería manter relacións e ela dixo que si". Con todo, "aos dous minutos", cando el xa se puxo un condón que lle deu ela e xa a penetrara, "díxome que parase e parei". Tras iso, ela foi ao baño e, cando regresou, durmiron ata a mañá seguinte.
O acusado insiste en que "non se vía que estivese afectada" polo alcol e que "eu en ningún momento fixen nada que ela non quixese" e "no momento en que ela me dixo que parase, eu parei". "Eu non me metín nesa cama con intención de ter relacións e non fixen nada sen antes preguntarlle", asegurou.
A vítima e o acusado levaban sendo amigos desde os catro meses e nunca tiveran ningún tipo de relación, tampouco sexual. O acusado recoñeceu no xuízo que "non mo esperaba, pero esa noite empezouse a insinuar".
As amigas confirmaron no xuízo que "non se tiña en pé", "balbuceaba" e "tal e como ía, é imposible lembrar algo". Estando en Sanxenxo, aseguran que elas querían levar á vítima para durmir a casa dunha delas, pero o acusado insistiu en levala el á súa casa. Aseguran que "a levaba en brazos" e "íaa arrastrando".
A nai da vítima tamén contou que esa noite ela apareceu no seu baño, que non era o que utilizaba habitualmente, e "balbuceaba" e, para moverse, "agarrábase á parede". Foi ela a que animou á súa filla para denunciar os feitos a pesar de que tiña moita relación co acusado e "nunca pensei que ía pasar o que pasara".
A vítima levaba tempo acudindo a unha psicóloga por un trastorno alimenticio e a profesional explicou en sala que o seu estado xeral "empeorou" tras estes feitos e presentaba síntomas "compatibles con estrés postraumático".
Tras celebrarse o xuízo, o fiscal elevou a definitivas as súas conclusións provisionais, nas que pedía para o acusado seis anos de prisión e outros 10 anos de liberdade vixiada, ademais de impoñerlle a prohibición de aproximarse a menos de 500 metros da vítima, o seu domicilio, lugar de estudos ou calquera lugar no que esta se atope e de comunicarse con ela durante sete anos.
Relacionadas:
-
O TSXG confirma a absolución dun mozo acusado de manter relacións sexuais non consentidas cunha amiga bébeda
Por Natalia Puga |
-
Absolto por "déficits de proba" un mozo acusado de manter relacións sexuais non consentidas cunha amiga bébeda
Por Natalia Puga |
-
A xuízo unha muller por atacar á súa ex parella cun coitelo
Por Redacción |
-
A Fiscalía pide 20 anos de prisión para o acusado de abusar sexualmente dunha menor
Por Oskar Viéitez |
-
Xulgan un acusado de recoller co seu coche unha muller bébeda en Sanxenxo, levala á súa casa e violala
Por Natalia Puga |