Pontevedra expón a súa zona de baixas emisións no Colexio de Enxeñería de Camiños en Madrid
Por Redacción
Os integrantes da Comisión de Mobilidade, infraestruturas, obras e servizos recibiron a publicación en papel do primeiro volume do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) de Pontevedra que vén de editar o Concello de Pontevedra.
O presidente da Comisión e responsable da Mobilidade municipal, César Mosquera explicou que ademais da novidade da publicación impresa, o documento do PMUS supón que "Pontevedra ten un modelo propio", e a plasmación é a mesa redonda convocada polo Colexio oficial de enxeñeiros de Camiños sobre as zonas de baixas emisións na que o Concello participa mañá, coa presenza do director xeral de Mobilidade, Jesús Gómez Viñas.
Nesta convocatoria exporanse os modelos actuais das zonas de baixas emisións: Londres, que cobra por acceder ao centro urbano; Madrid e Barcelona, que restrinxen a entrada por etiquetas; e finalmente Pontevedra que optou por unha terceira vía, "un modelo único no mundo", explicaba César Mosquera, quen resaltou a capacidade de Pontevedra "unha cidade mediana, por ter un modelo propio".