Poio solicitará a concesión dun caudal de auga de mil litros por segundo
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
O Concello de Poio incluirá na orde do día da sesión ordinaria do pleno de setembro, que se realizará o próximo martes, o acordo para iniciar os trámites necesarios para crear un ente supramunicipal de xestión de auga e dotar dunha regularidade administrativa coa que garantir a igualdade das condicións nas que se presta o abastecemento de auga á poboación de Poio, Pontevedra, Marín, Bueu, Sanxenxo, Vilaboa e Ponte Caldelas.
A creación deste organismo asegurará a cogobernanza de todos os concellos, para autorizar e fixar as condicións das captacións dos ríos Lérez e Rons, de onde se abastecen estes municipios.
Ademais, segundo explica o alcalde, Ángel Moldes, é un dos compromisos adquiridos polos concellos con Augas de Galicia nas últimas reunións celebradas en xullo.
Agora mesmo hai unha situación de alegalidade que é urxente solucionar para regularizar e establecer a cantidade de auga que lle corresponde a cada municipio que, no caso de Poio solicitará a concesión dun caudal de 1.000 litros por segundo, sendo as fontes de captación de auga o río Lérez e o rego de Rons dende o encoro de Pontillón de Castro.