Un obradoiro de 'memes' feministas e outras cinco actividades para abordar a fenda de xénero na comunicación dixital

Por Redacción
A Facultade de Comunicación do campus de Pontevedra acollerá a partir deste mércores 20 de setembro o ciclo de conferencias 'A fenda de xénero dixital: construíndo a internet e as relacións sociais dende o empoderamento feminino', unha iniciativa que parte da premisa de que a comunicación é un sector cunha forte presenza feminina, pero que adoece do famoso 'teito de cristal'.
O ciclo está integrado por seis conferencias e obradoiros que se celebrarán entre os meses de setembro e novembro e abordarán contidos como os nesgos de xénero das intelixencias artificiais, os estereotipos e desigualdades que poden atoparse na comunicación dixital ou un obradoiro de 'memes' feministas.
As actividades están abertas ao público ata completar a capacidade da sala e buscan promover unha reflexión entre os futuros e futuras profesionais respecto dese 'teito de cristal' existente no sector da comunicación e en como este se amplía cando se introduce a variable tecnolóxica, por exemplo, no relativo ao deseño web e o desenvolvemento de aplicacións móbiles.
A través das achegas de expertas e profesionais, o ciclo busca tamén pór o foco en como a tecnoloxía pode usarse para apoiar os dereitos e o apoderamento das mulleres e proporcionar recursos para combater a desigualdade entre homes e mulleres no que se refire ao acceso e o uso da tecnoloxía.
Este mércores 20 a primeira actividade so ciclo será a conferencia 'Intelixencias artificiais xerativas e nesgos de xénero', a cargo da investigadora da Universidade da Coruña (UDC) Laura Castro, que permitirá pór o foco en como o "adestramento" das intelixencias artificiais fai que se trasladen a estas estereotipos e nesgos que poden facer, por exemplo, que poidan dar unha resposta diferente a unha mesma pregunta se quen a efectúa é home ou muller, como apunta o profesor Xabier Martínez Rolán, coordinador do ciclo.