Dezanove recheos diferentes ofreceranse na quinta Festa da Empanada Mariñeira

Por Redacción
A lonxa de Portonovo acollerá a próxima fin de semana, os días 23 e 24 de setembro, a quinta edición da Festa da Empanada Mariñeira, que a pesar da súa curta vida xa se fixo un oco entre as citas gastronómicas de referencia en Galicia.
O club de piragüismo de Portonovo, coa colaboración do Concello de Sanxenxo e da confraría de pescadores de Portonovo, volve repetir unha fórmula que desde hai xa catro anos funciona e lle axuda a recadar fondos para financiar as súas actividades .
A degustación das empanadas comezará o sábado 23, ás 13:00 horas, cando está prevista a inauguración. Pechará as súas portas o domingo 24, ás 21:30 horas.
Durante estas dúas xornadas poderanse degustar empanadas con ata dezanove recheos diferentes, entre eles bonito, zamburiñas, mexillóns, peixe espada ou pescada.
"Este ano ampliamos a nosa fronteira con produtos pescados desde a costa de Viveiro ata A Guarda", explicaron os organizadores, que apuntan a que todas as racións serviranse a prezos populares, que van desde os 4 ata os 6 euros.
Non faltarán os showcookings nin tampouco a música ao longo destes dous días.
O domingo 24 ás 17:00 horas haberá o obradoiro-concurso familiar Pequeempanada, con Rocío Garrido; e unha hora máis tarde, será o tradicional Concurso da Empanada Mariñeira no que se premiarán as tres mellores empanadas con estancias en hoteis, ceas e accesos a spa.
A todos os participantes regalaráselles un vale para unha ración de empanada e unha bebida. As empanadas deberán ter como ingrediente principal un produto de PescadeRías.
A cita concluirá cunha Xuntanza da Canción Mariñeira.