Os patos de Costa Xiráldez "non son un xoguete"
Por Redacción
Sensibilizar á poboación sobre a importancia e necesidade de protexer aos patos do Parque de Costa Xiráldez, en Lourido. Ese é o obxectivo da campaña que vén de poñer en marcha o Concello de Poio, ante os problemas que están a padecer estes animais.
Así, operarios municipais colocaron uns carteis no estanque nos que recordan que os patos "non son un xoguete".
Desde a concellería de Medio Ambiente, que dirixe Manuel Domínguez, sinalan que estes animais xa son unha parte importante deste enclave, unha área moi frecuentada polos veciños de Poio, pero tamén por visitantes que se achegan ata esta zona para gozar de horas de lecer.
Con todo, "non sempre os comportamentos son os máis respectuosos", e por iso a través desta campaña insisten na necesidade de respectar a contorna e aos animais, e non tratar nin aos patos nin aos ovos que poñen como se foran un xoguete.