Pontevedra apraza a celebración do pleno municipal pola Gran Final das Series Mundiais
Por Oskar Viéitez
Por unanimidade, a Xunta de Portavoces decidiu na súa reunión deste mércores pospoñer para o luns 25 de setembro a celebración do próximo pleno ordinario da corporación municipal.
A convocatoria aprázase para non coincidir coa Gran Final das Series Mundiais que se disputará en dez días en Pontevedra e que non só será o gran acontecemento do tríatlon a nivel mundial e o maior evento deportivo do ano celebrado en España, senón que tamén ofrecerán un programa paralelo de lecer e cultura do que gozarán os preto de 12.000 visitantes que acollerá a Boa Vila, segundo explicou a concelleira, Eva Villaverde.
Na orde do día da sesión plenaria figura o informe da Conta Xeral, é dicir, a situación dos bens e dereitos da entidade local, do seu financiamento e dos seus préstamos e débedas ao final do ano.
Ademais abordarase as proposicións do grupo municipal do PSdeG relativa á situación actual do Ateneo de Pontevedra, que quedou sen o local que tiña ata o de agora no edificio administrativo da Xunta de Galicia de Benito Corbal. Tamén solicitan o grupo socialista ao goberno local que elabore e aprobe un protocolo de actuación ante as agresións e acosos sexuais en espazos privados de lecer nocturno na cidade.
Pola súa banda, o Partido Popular leva a pleno unha moción para reclamar a posta en funcionamento dunha vivenda de acollida para mulleres vítimas de violencia machista. Os populares tamén solicitarán a creación dun plan de mantemento de instalacións e equipamentos deportivos municipais.
Finalmente, segundo informou a concelleira do BNG, Eva Villaverde, o Goberno local quere incluír neste pleno unha modificación do cadro de persoal que é "necesaria para crear unha serie de prazas, suprimir outras e modificar, como resultado da xestión diaria".
En total, créanse 16 prazas, transfórmase unha e suprímense 13 vacantes que non están cubertas.
CRÍTICAS DO PSOE A CÉSAR MOSQUERA
Dentro do traballo diario do Concello, tamén hai que referir as críticas que o portavoz socialista, Iván Puentes, fixo contra a "inincomprensible e irresponsable" conducta do goberno municipal, ao que acusa de vulnerar o dereito da oposición a exercer o seu traballo de fiscalización.
Isto é debido a que desde a constitución das comisións informativas "ata a data" non se produciu nin unha soa convocatoria da de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos, presidida por César Mosquera, a pesar de que debe reunirse cada dous martes.
Esta comisión, segundo Puentes, "aborda cuestións que consideramos esenciais para o funcionamento e desenvolvemento desta cidade" e asegura non comprender "as motivacións que están detrás desta inaceptable dilación".