Marín concede preto de 22.000 euros en axudas ás ONG
Por Redacción
A colaboración do Concello de Marín coas organizacións non gubernamentais (ONG) adicadas á atención social e a solidariedade no municipio é un traballo constante que se fai ao longo do ano, tanto no que respecta ao apoio económico como na coordinación do seu labor grupal.
A concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, mantivo unha reunión este luns coas principais asociacións benéficas da vila, que volveron polo Concello para ser recibidas pola alcaldesa, María Ramallo, e así poder asinar os convenios das subvencións nominativas que se lle dan cada ano.
O reparto é o seguinte: a Asociación Española Contra o Cancro, 5.000 euros; a Asociación Sor Elvira, 3.000 euros; Amor En Acción (Amenac), 3.000 euros; Cáritas diocesana Santomé, 1.000 euros e o Comedor Social de Marín, 5.000 euros.
Ademais desta axuda directa que perciben, repártense gastos que asume o Concello relacionados coas distintas campañas para propiciar a captación de fondos para as entidades, como son as chocolatadas e as campañas de agasallos do Nadal, así como unha asignación que se lles dá nestas datas para adquirir alimentos no supermercado.
En total, esa contía ascende a 9.950 euros, que sumado ao que se inviste nas subvencións nominativas fai un total de 21.950 euros cos que se trata de apoiar o labor que realizan estas organizacións solidarias.
Entre as cuestións que os representantes das ONG trataron coa alcaldesa e a concelleira destaca a petición de que as familias que son usuarias das entidades renoven os seus datos en servizos sociais, co obxectivo de que non se dean duplicidades e que a atención social que se lles facilita estea o máis acorde posible á súa situación actual.
Por outro lado, tamén reflexionaron sobre como notan a tremenda inflación que a día de hoxe afecta aos prezos da cesta da compra.
De cara aos últimos meses do ano, xa teñen previstas cales serán as accións a desenvolver en colaboración co Concello para así poder seguir traballando cóbado con cóbado.