O curso tamén bota a andar na universidade
Por Oskar Viéitez
Este luns as aulas das diferentes facultades e escolas do campus de Pontevedra volvían encherse de alumnos, no inicio da actividade académica na Universidade de Vigo.
O curso arranca na institución académica coa posta en marcha do grao en Deseño, catro mestrados e un programa de doutoramento como principais novidades e coa "moi boa acollida" que están a acadar os seus diferentes graos por parte do alumnado de novo ingreso, como recoñece o vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente, Alfonso Lago.
A falta dos últimos chamamentos a matrícula por parte da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), a taxa de ocupación das prazas de novo ingreso nos estudos de grao que se ofertan nos tres campus da Universidade de Vigo sitúase no 100,21%.
Esta porcentaxe alcánzase polo feito de que, pese a que aínda quedan titulacións con prazas vacantes, outras contan con algúns matriculados máis que o número total de prazas inicialmente ofertadas.
En conxunto, a Universidade de Vigo ofertaba para este curso un total de 3.839 prazas de grao de novo ingreso, ás que se suman outras 1.704 de mestrado e 535 de doutoramento.
GRAO EN DESEÑO
O curso 2023/2024 vén marcado pola posta en marcha, no campus de Pontevedra, do Grao en Deseño, unha titulación que, como sinala Lago, "espertou moito interese", como amosa o feito de que "na preinscrición había 61 solicitudes de primeira opción para as súas 45 prazas, cunha lista de espera de 91 persoas".
A nova titulación ten como sede a sexta planta do edificio administrativo da Xunta de Galicia, na rúa Benito Corbal, onde este luns daba a benvida aos 52 alumnos finalmente matriculados a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón.
Ademais de darlles a noraboa por terse incorporado a un grao que botou a andar cunha nota de corte de 8,4, a vicerreitora trasladou ao estudantado a "alegría do equipo reitoral porque dese comezo un grao que foi loitado nos últimos anos, nos que houbo pequenos problemas para que se puxera en marcha".
Lantarón lembroulles así mesmo que as instalacións nas que inician a súa formación "non son as definitivas", xa que o obxectivo da Universidade é dotar á Facultade de Deseño dun "edificio propio" no futuro.
Relacionadas:
-
O campus universitario quere crecer cun novo grao relacionado coa creatividade
Por Alejandro Espiño |
-
Trinta e oito universitarios estranxeiros estudan en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
33 estudantes de Medicina inician o seu último curso no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra
Por Redacción |
-
O grao en Deseño estréase no campus de Pontevedra con 52 estudantes
Por Redacción |
-
O campus prepárase para o inicio do novo curso universitario
Por Redacción |