As Rías Baixas recuperarán o anticiclón a partir do mércores con temperaturas de 27 graos
Por Redacción
Este luns 11 de setembro comeza unha semana baixo a influencia débil das altas presións en superficie en Galicia. Espéranse brétemas nas Rías Baixas, que irán desaparecendo ao longo da mañá. Durante a tarde crecerán nubes de evolución diúrna que descargarán algúns chuvascos e tormentas no interior. As temperaturas descenderán movéndose entre os 15 e os 23 graos en Pontevedra. O vento soprará de dirección variable, segundo a información facilitada polo servizo de Meteogalicia.
O martes 12 agárdase que a comunidade permaneza nunha situación intermedia entre altas e baixas presións con certa inestabilidade atmosférica. O ceo quedará parcialmente nubrado de norte a sur co avance do día. A partir do mediodía presentaranse chuvascos no norte de Galicia e no interior. As temperaturas oscilarán entre 13 e 25 graos coa entrada de vento do nordeste.
Xa o mércores espérase que Galicia recupere a influencia anticiclónica. O ceo presentarase despexado nas Rías Baixas. As temperaturas mínimas situaranse nos 14 graos mentres que as máximas ascenderán lixeiramente chegando aos 27 graos. O vento soprará frouxo do nordeste con intervalos de moderado entre a Mariña e as Rías Baixas.
O xoves continuará o tempo seco, asollado no sur de Galicia, con temperaturas que se moverán entre os 17 e os 28 graos. A partir do venres 15 agárdase a chegada de aire frío en altura que aumentará a inestabilidade con probabilidade, de novo, de tormentas e unha baixada de temperaturas.