Unha policía local de Pontevedra non pode ser árbitra profesional en Primeira División por incompatibilidade laboral
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Iris Romero, unha axente da Policía Local de Pontevedra, contaba esta tempada coa posibilidade de ser árbitra asistente profesional en partidos de Primeira División Feminina de fútbol ao ascender a esta máxima categoría.
En xuño presentaba a súa solicitude de compatibilidade de ámbolos postos de traballo no Concello de Pontevedra. O tema foi a pleno o 31 de xullo no primeiro pleno do actual mandato. A cuestión retirouse á espera dos informes xurídicos.
Este mércores, Eva Vilaverde, concelleira responsable de Persoal, tras a xunta de portavoces explicaba que este tema centrará o pleno extraordinario previsto para o vindeiro luns 11 de setembro no que o goberno local presentará os informes nos que se establece a incompatibilidade plena para o persoal da Policía Local de Pontevedra con outro traballo, condicionante que figura na Relación de Postos de Traballo do Concello e que supón un incremento salarial para os integrantes deste corpo.
"Déuselle moitas voltas para arriba, para abaixo. Intentouse que fose posible pero non é posible porque a Policía Local de Pontevedra ten un factor de incompatibilidade plena", indicaba Vilaverde, lembrando que tanto o servizo de Persoal como os servizos xurídicos rexeitan a posibilidade de que Iris Romero poida compatibilizar os dous postos de traballo.
"Ela xa era árbitra, o que pasa é que o facía cobrando por asistencias, cobraba os partidos e punto, como un complemento. O problema é que agora ten que asinar un contrato profesional", explicaba a concelleira engadindo que se contactou coa Federación de Fútbol para tentar atopar algunha solución, pero o organismo esixe un contrato profesional debido a que a asistente arbitral debe estar a disposición para adestramentos e partidos.
"Non é que non haxa vontade política", insistiu Eva Vilaverde, "non se pode facer unha excepción porque unha policía nos caia ben ou a súa actividade nos guste máis".
Iris Romero, que coñecía tamén este luns a decisión, sinalaba a PontevedraViva que quere esperar ata o pleno para realizar declaracións sobre esta situación. Recoñece que estuda xa a posibilidade de solicitar a excedencia do seu posto como policía local para poder afrontar o seu obxectivo de ser árbitra na máxima categoría do fútbol feminino en España.
Unha asistente de árbitra cobra unha cantidade de entre 166 euros e 1.006 euros por partido, tal e como figura no acordo alcanzado en 2022 entre o CSD, a RFEF e a Liga Feminina.
CRÍTICAS DO PP
Pepa Pardo, concelleira do Partido Popular, lamentou esta situación e sinalou que tería que promoverse un cambio neste apartado da Relación de Postos de Traballo municipal, que fora modificada en xunta de goberno con carácter vinculante sen que levase a pleno, apuntou.
Argumentou que o caso de Iris Romero tiña que ser solucionado cando a policía local solicitou a compatibilidade o 11 de xuño. "Si se sientan los portavoces de los tres grupos se llegaría a un acuerdo para facilitar esa posible compatibilidad y creo que sería un reto grandísimo para las mujeres a fecha de hoy en este mundo deportivo", manifestou criticando que non se producira ese encontro para buscar unha alternativa.
"Me produce una profunda tristeza que por esa falta de diálogo nos encontremos con esta situación y que Pontevedra y su ayuntamiento sean noticia porque una chica no puede cumplir sus deseos profesionales y ser un referente en el mundo deportivo español porque el ayuntamiento de Pontevedra no hizo las cosas como debería hacerlas. Eso nos debería llevar a todos a una profunda reflexión", concluíu indicando que o PP tamén solicitou un estudo xurídico do caso.
REACCIÓN SINDICAL
Antonio Millares, delegado sindical de CCOO no Concello de Pontevedra, considera que a decisión é "política" e lembra que esa modificación das condicións laborais da Policía Local está pendente da resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
O representante sindical entende que é viable non aplicar de momento, a falta dunha sentenza firme, esa "total incompatibilidade" á funcionaria solicitante, ao entender que os prexuízos que se poden ocasionar son "de difícil resarcimento".