A Xunta, tras quedar o Ateneo sen local: "O criterio de cesión é exclusivamente técnico"
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O goberno galego defendeuse este mércores das críticas que está a recibir de parte da sociedade pontevedresa despois de que o Ateneo de Pontevedra quedara fóra do reparto dos locais que a Xunta de Galicia cede a entidades sociais no seu edificio de Benito Corbal.
A través do xefe territorial da Vicepresidencia, Ramón Pereiro, o executivo autonómico recorda que o criterio para a cesión destes locais "é exclusivamente técnico".
Así, a Xunta defende a "total imparcialidade" dun proceso cuxos criterios de avaliación foron debidamente publicados do Diario Oficial de Galicia e non recibiron alegación algunha.
A encargada de valorar o cumprimento dos criterios, apunta Pereiro, foi unha comisión formada por técnicos funcionarios que se centraron nos parámetros indicados no DOG.
Ademais, para manter a imparcialidade do proceso, a comisión só tivo en conta a documentación presentada por cada entidade, "sen entrar a valorar a súa traxectoria, relevancia ou incluso das iniciativas levadas a cabo que non estiveran debidamente recollidas na documentación".
A Xunta recorda que no ano 2019 emitíronse unha serie de autorizacións de uso por concorrencia competitiva que remataban en xullo do presente ano.
Chegado ese momento, todas as asociación que estaban ocupando un dos locais do edificio de Benito Corbal quedaron a expensas de volver a solicitar un dos espazos e que este lles fora admitido.
Polo tanto, segundo Ramón Pereiro, "non se expulsou a ningunha das asociacións instaladas neste edificio, senón que o período da autorización chegou á súa fin".
O xefe territorial mostrouse comprensivo con todas as entidades que non conseguiron un dos locais que solicitaban e agradeceu o importante labor desempeñado por todas elas.