A Xunta autoriza un parque eólico no monte Acibal
Por Oskar Viéitez
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este xoves a autorización dos tres primeiros parques asociados ao concurso eólico, que xerarán o consumo equivalente ao de 50.000 fogares.
Un deles emprazarase no monte Acibal e os outros dous na provincia de Lugo, os tres supoñen un investimento conxunto de case 70 millóns de euros.
O parque eólico de Acibal ubicarase en terreos pertencentes aos concellos de Barro, Moraña e Campo Lameiro e contará con 4 aeroxeradores que totalizan unha potencia de 12 megawatios.
O presidente da Xunta afirmou que con estas tres primeiras autorizacións ao abeiro do concurso eólico, ábrese un horizonte que supón "un triplo beneficio": beneficios para seguir desenvolvendo un sector estratéxico; beneficios para os cidadáns, que ven medrar novas opcións de enerxías renovables, máis limpas e sustentables; e beneficios para a economía galega.
Sobre este último punto, Feijóo subliñou que o canon eólico xa ten permitido recadar 100 millóns de euros, cantidade que aumenta con cada novo parque en funcionamento; e os plans industriais asociados ao concurso xa xeraron 700 millóns de investimento e preto de 1.400 postos de traballo.