Deteñen un home polo furto de xoias valoradas en 4.000 euros
Por Redacción
Axentes da Comisaría da Policía Nacional de Pontevedra identificaron e detiveron un home de 30 anos de idade, natural da República Dominicana, como presunto autor dun delito de furto de xoias na vivenda dunha veciña de Pontevedra.
A muller denunciou, o pasado 20 de xaneiro, a subtracción no seu domicilio de múltiples xoias por un valor de 4.000 euros. As portas da casa da vítima non presentaban sinais de ter sido forzadas polo que as investigacións se centraron na persoa coa que a muller compartía a vivenda. O home, un coñecido da muller, vendera as xoias en varios establecementos de compra-venda de Pontevedra. Os axentes policiais certificaron que o detido subtraera catro cadeas, catro aneis, pulseiras, unha gargantilla e un colgante. A vítima foi citada na Comisaría onde recoñeceu as xoias a través das fotografías pero, segundo sinala a Policía Nacional, dado o tempo transcorrido dende o roubo non se puido proceder á intervención das xoias recoñecidas ao ter sido enviadas a fundición.
Os axentes localizaron o presunto autor dos feitos durante a tarde do mércores 22 de xaneiro como presunto autor dun delito de furto. Tras prestar declaración en dependencias policiais, o detido foi posto a disposición da Autoridade Xudicial.