14 estudantes chineses reciben en Pontevedra o Diploma Avanzado en Relacións Internacionais
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
A Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE) clausurou a quinta edición do seu Diploma Avanzado en Relacións Internacionais (DARI) o primeiro programa español de negocios internacionais de carácter intercultural que se imparte en Galicia no ámbito universitario.
A cerimonia institucional de entrega de diplomas tivo lugar este venres na Sede Afundación Pontevedra e contou coa presenza dos 19 estudantes participantes nesta edición, en cuxa representación interviñeron Chen Zuoyu e Cristina Andrea Peralba.
Desde o 27 de xullo, 14 estudantes chineses procedentes de University of International Business and Economics de China, participaron nesta experiencia que combina a formación no ámbito empresarial co desenvolvemento de proxectos en equipos multiculturais, as visitas a compañías e institucións galegas e a realización de actividades turísticas e de lecer para coñecer Galicia desde unha perspectiva máis amena e diferente.
Sun Jiamin, estudante de UIBE, resaltou a oportunidade de "aprender uns dos outros, experimentando as culturas dos demais, nunha viaxe con obstáculos, pero rica e exercitada, e estou seguro de que cando lembremos esta experiencia farémolo pensando no verán invencible".
Igualmente o seu compañeiro Chen Zouyu, destacou que "esta é unha experiencia impagable para toda a vida. Independentemente do resultado, esperamos que todos adquirísemos coñecementos, vísemos as nosas deficiencias e determinásemos a dirección dos nosos futuros esforzos".
Cristina Peralba remarcou que o DARI é moito máis que unha aprendizaxe de comercio internacional: "ensináronnos a adaptarnos a unha cultura moi diferente, adquirimos a capacidade de entender aos demais e a non xulgar rapidamente polos estereotipos e estar dispostos a ver as cousas desde outras perspectivas. En suma, foi unha viaxe de autodescubrimento, aprendizaxe e conexión".
O DARI é unha acción formativa cuxo obxectivo principal é o de apoiar ás empresas galegas na súa entrada e posicionamento no mercado chinés, proporcionándolles profesionais dese país multilingües con formación empresarial, así como o de promocionar o sector turístico galego en China.