90.000 euros para instalar máis lombos
Por Diego Espiño
Pontevedra contará este ano con novos 'lombos' e redutores de velocidade en varios puntos da cidade, despois de detectarse "problemas de seguranza viaria e accesibilidade nalgunhas rúas onde hai riscos ou están nas inmediación de centros escolares e centros de saúde".
Así o anunciou o concelleiro de Accesibilidade, Luis Bará, na presentación do plan de obras de mantemento das vías públicas para 2014, unhas actuacións ás que se destinará aproximadamente un millón de euros.
Segundo Bará se constataron puntos de risco na rúa Padre Gaite, concretamente no acceso dende a ponte dos Tirantes, en Domingo Fontán á altura da Imprenta Provincial e na Avenida da Estación, xunto ao ximnasio Budo, aínda que neste último caso se esperará á reforma de toda a zona para a instalación dos lombos.
En relación aos puntos próximos a colexios ou centros de saúde o Concello actuarase en Raíña Victoria, fronte ao instituto Sánchez Cantón, onde "aínda houbo recentemente algún atropelo e onde temos demanda da dirección do centro para que se corrixa ese problema"; rúa Alameda; o ámbito de San Amaro; Xoán Carlos I e na Avenida de Vigo, xunto ao Martín Sarmiento, aínda que aquí "non se pode poñer un lombo pero buscaremos outra alternativa porque detectamos que hai coches que circulan a moita velocidade".
Dentro do presuposto total para as reparacións de viais, no que se inclúen os contratos de mantemento como o do Centro Histórico ou os gastos das brigadas municipais, se destinarán preto de 90.000 euros para os novos lombos.
En relación ao resto de traballos, principalmente relacionados cos danos ocasionados polo mal tempo, Luis Bará asegurou que "as consecuencias foron moito menores que outros anos a estas alturas" e que en canto cesen as chuvias, previsiblemente entre os meses de febreiro e abril, se realizará unha nova operación de asfaltado para mellorar a capa de rodadura dos viais que presenten deficiencias.