O Demo: "vai moita calor en Pontevedra, mellor volvo ao inferno"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Saía moi ufano o Demo dos Arcos de San Bartolomeu ata que levou a primeira labazada, a das altas temperaturas rexistradas ao mediodía deste mércores. "Vai moita calor en Pontevedra, mellor volvo ao inferno", dixo o señor Satán.
Máis non tivo ocasión de regresar ao averno pois gran número de nenos estaban a esperarlle para facerlle sufrir un pouco máis agarrándolle do rabo.
"Este demonio no mete miedo", gritaba un dos rapaces reprochando a Belcebú a súa decepción pola falta de entrega.
Así que as diabluras correron por conta dos nenos que marearon ao pobre Lucifer canto puideron e non deixaron respirar nin á súa comitiva á que pedían "música, música" tan pronto como paraba para coller aire.
"Pobre diablo", comentaba entre risas unha turista ao ver como O Demo tentaba sen éxito defender a integridade da súa cola.
No seu percorrido polo centro histórico Satanás e a súa comitiva fixeron parada no Centro de día de Saraiva, pero tampouco aquí provocou ningún susto pois os maiores estaban a esperarlle en roda e recibírono entre aplausos.
A tradicional Festa do Demo volverá pola tarde a pasear polas rúas e prazas da zona monumental e terminará co concerto de San Bartolomeu da man da Banda de Música de Salcedo na praza de José Martí e a Foliada do Demo cos Chichisos e Faiscas da Ponterga na praza de Curros Enríquez.