Activada a prealerta por escaseza moderada de auga no río Lérez
Por Oskar Viéitez
A Xunta activa a prealerta por escaseza moderada de auga no sistemas do río Lérez, en Pontevedra.
O concelleiro responsable do Ciclo da Auga, Xaquín Moreda, logo da decisión da Xunta de Galicia explicou que "o Concello de Pontevedra durante todo este verán xa fixo un seguimento do estado do río Lérez, e xa se reuniu cos técnicos municipais e os de Viaqua (empresa concesionaria do subministro) é a situación estaba sendo mellor que o ano pasado", asegurou.
Compre lembrar que a estas alturas do verán o ano pasado Pontevedra xa levaba un mes en prealerta por seca.
Xaquín Moreda fixo un chamamento a cidadanía para levar a cabo un consumo responsable da auga, evitando malgastala de xeito innecesario como pode ser con lavado de coches ou o enchido de piscinas e engadiu que "imaxino que a Xunta tomará as súas medidas e xa comunicará a Ence que deixe de captar auga do Lérez para que o nivel non siga a baixar".
A Xunta non comunicou ninguna decisión con respecto á fábrica de Lourizán.
O xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, presidiu este mércores unha nova xuntanza da Oficina Técnica da Seca, integrada polos técnicos de Augas de Galicia e representantes de Protección Civil, Meteogalicia, a Consellería do Medio Rural e a Consellería de Sanidade.
No encontro avaliouse a situación hidrolóxica e meteorolóxica das distintas concas de Galicia-Costa. Constatouse que tras un mes de xullo con escasas chuvias, rexistráronse precipitacións o venres e o sábado pasados, pero o tempo seco volve predominar esta semana e prevese que continúe nas vindeiras semanas.
Unha vez avaliados estes datos, a Oficina Técnica da Seca tamén acordou manter a situación de prealerta ou escaseza moderada nos sistemas do río Anllóns, río Mero, Arteixo e ría da Coruña. E activar a prealerta por escaseza moderada de auga nos sistemas do río Lérez, en Pontevedra, e do río Grande, en Camariñas.
Tamén continúa activa a situación de seca prolongada nos sistemas das concas que van desde o río Mero a Ferrol e desde o río Mera á ría de Ribadeo.
Ademais proseguirá a aplicación de medidas equivalentes a un escenario de prealerta por escaseza no subsistema de Baiona, situado no sistema de explotación do río Verdugo, Ría de Vigo e Ría de Baiona, desde o cal se abastece o concello de Baiona.
A situación de prealerta por escaseza implica a realización dun seguimento intensivo da situación meteorolóxica e os niveles de ríos, encoros e acuíferos da demarcación Galicia- Costa, así como das posibles incidencias que se detecten. Ademais prevense medidas de concienciación da cidadanía.
A situación do resto dos sistemas de abastecemento da demarcación de competencia autonómica, presenta niveis de normalidade, xa que a ocupación actual dos encoros de abastecemento de Galicia-Costa é do 75,05%, 2,05 puntos por enriba da ocupación do mesmo período para o ano 2022.
Relacionadas:
-
Mantense a prealerta por escaseza de auga no Lérez
Por Redacción |
-
O Lérez continúa en situación de prealerta por escaseza de auga pese a un aumento do caudal nos últimos días
Por Redacción |
-
O BNG considera que "ENCE é unha amenaza para a seguridade do abastecemento de auga"
Por Oskar Viéitez |
-
O BNG solicita ao Goberno municipal de Poio que recomende a redución do consumo de auga
Por Oskar Viéitez |
-
O alcalde de Pontevedra afirma que "o abastecemento de auga está asegurado"
Por Oskar Viéitez |
-
A ola de calor golpea forte ás Rías Baixas e deixa máximas nocturnas superiores aos 30 graos
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |