Detido por conducir de maneira temeraria na Escusa "con consciente desprezo pola vida das persoas"
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
A Policía Local de Poio detivo un home de 36 anos, natural de Barro, por un presunto delito de condución temeraria.
Este individuo conduciu o seu coche cunha inobservancia total e absoluta das regulamentacións do tráfico e "con consciente desprezo pola vida das persoas, poñendo en perigo a varios nenos, adultos e xinetes no lugar da Escusa".
A Policía Local tamén lle imputa os presuntos delitos de condución baixo a influencia de alcol e drogas causando un accidente. Ademais, acúsaselle de atentado aos axentes da autoridade e doutro delito de desobediencia por negarse a realizar a proba de drogas.
Segundo informan fontes oficiais da Policía Local de Poio, sobre as 16:30 horas do pasado domingo 20 de agosto de 2023, os axentes que formaban parte do operativo especial polo día da Rapa das Bestas que se celebra anualmente no monte da Escusa, observaron un vehículo Renault Clío na cuneta.
O condutor accidentado explicou que un vehículo todoterreo BMW X5 de cor negra sacárao da vía e deuse á fuga, e comentou que ese home debía circular baixo a influencia de bebidas alcohólicas ou algún tipo de substancia estupefaciente. O fuxido era un home louro de mediana idade con antecedentes por feitos similares.
Mentres os axentes trataban de localizar ao fuxido este presentouse no lugar do suceso para increpar ao condutor accidentado. Cando os policías procederon a darlle o alto fixo caso omiso e emprendeu a fuxida a gran velocidade nunha zona de gran afluencia de persoas e animais.
Iníciase entón unha persecución, circulando o vehículo fuxido a gran velocidade pola zona de festa e por camiños de terra "cun claro manifesto desprezo cara á vida das persoas", tendo tanto peóns como xinetes que esquivar ao vehículo para non ser arroiados.
Nun momento dado, o condutor temerario realizou un cambio de sentido e dirixiu o seu vehículo a gran velocidade cara ao lugar onde se atopaban os axentes, con idea clara de atentar contra eles. Os policías evitaron ser embestidos logrando esquivar por mínima distancia o vehículo do fuxido que se meteu por pistas de terra e pedras onde era moi complicado circular co vehículo policial.
Posteriormente os policías localizaron ao individuo na zona da festa. Estaba xa sen o seu vehículo pero ao darse conta da presenza policial botou a correr a pé sendo interceptado e detido por unha patrulla de Policía Local con axuda de axentes da Garda Civil de Tráfico.
Foi trasladado á Xefatura da Policía Local de Poio para iniciar as dilixencias correspondentes. Debido ao grao de excitación e presumible consumo de drogas e alcol, os axentes solicitaron a colaboración do 061 para a realización de valoración médica, aínda que o detido negouse a recibir ningún tipo de asistencia sanitaria e ameazou con esnaquizar a ambulancia.
Na proba de alcoholemia practicada lanzou unha taxa de 0,64mg/l aire expirado e 0,60mg/l nunha segunda mostra, pero negouse a realizar a proba de drogas alegando que consumira cocaína. Ata en tres ocasiones rexeitou someterse ao narco test, informándolle os axentes nese preciso momento das consecuencias de desta negativa.
Debido ao grao de alteración do detido, este foi trasladado aos calabozos da comandancia da Garda Civil de Pontevedra.
Nas dilixencias policiais constan vídeos gravados por testemuñas onde se observa de forma clara que a este suxeito custáballe manter a verticalidade no momento de dirixirse de novo aos mandos do vehículo do cal era responsable no momento do altercado co condutor accidentado en primeiro lugar, así como mostraba explosións de carácter e profería ameazas e agresións verbais aos presentes.
Relacionadas:
-
'Ponte a Conducir' volve converter á Seca nunha aula práctica de educación viaria
Por Oskar Viéitez |
-
Un condutor resulta ferido nun accidente de tráfico en Corbillón
Por Redacción |
-
Dous atracadores armados levan 5.000 euros dunha tenda de Vilagarcía
Por Oskar Viéitez |
-
Ferido un ciclista nun accidente de tráfico en Cambados
Por Oskar Viéitez |
-
Sorprenden un grupo organizado de furtivos cando repartía 135 quilos de ameixa entre os familiares
Por Oskar Viéitez |
-
Investigan un condutor que se despistou en Poio e chocou contra outro vehículo e dous contedores
Por Natalia Puga |
-
Dana unha ruleta dun salón recreativo de Poio, grávano as cámaras e deféndese dicindo que as imaxes non son claras
Por Natalia Puga |