A Batalla de Flores regala colorido e diversión antes da chuvascada
A ilusión e o colorido da popular Batalla de Flores, unha das citas máis esperadas nas Festas da Peregrina por parte dos máis pequenos, percorreu este venres as rúas do centro da cidade.
Fíxoo vencendo ás previsións de choiva que ameazaban coa súa cancelación.
O ceo aguantou e a caravana multicolor de carrozas, xigantes, cabezudos e personaxes de animación iniciou a súa marcha ás 19.00 horas desde a rúa Xosé Malvar.
No seu percorrido pasaron por Loureiro Crespo, Benito Corbal, Cobián Roffignac e Padre Amoedo ante a atenta mirada de nenos e adultos.
Ao seu paso deixaron aplausos, sorrisos e miles de papeliños confirmando á Batalla de Flores como un imprescindible na programación da semana grande de festas.
Cando a choiva comezou a caer, pasadas as 20.00 horas da tarde, a comitiva xa regalara grandes momentos e encaraba o seu tramo final. Mollou aos que alí se atopaban, pero salovouse unha xornada que horas antes parecía no aire.
Non era a única cita infantil da xornada nas Festas da Peregrina, que ás 21.00 horas tiña reservado o escenario principal da Praza de España para o espectáculo 'Tarzán, o musical', nun día pensado para goce dos máis novos da casa.
A pesar de que a choiva xa non daba tregua, o show non se cancelou ante o público que esperaba á intemperie, aínda que quedou deslucido pola situación.
Batalla de Flores das Festas da Peregrina 2023
A ilusión da Batalla de Flores, unha das citas máis esperadas nas Festas da Peregrina por parte dos máis pequenos, percorreu este venres as rúas do centro da cidade vencendo ás previsións de choiva que ameazaban coa súa cancelación
© Mónica Patxot