Un verán de 'excelente' nas zonas de baño de Sanxenxo
Por Redacción
Sanxenxo presume un ano máis da calidade das augas nos seus areais, tras coñecer o resultado das mostras periódicas tomadas pola Consellería de Sanidade dentro do programa de vixilancia das zonas de baño.
En total as praias do municipio lograron en 239 controis dos 240 realizadas a calidade de excelente. Só nun das mostras, un dos dous parámetros logrou o resultado de bo cunha cifra lixeiramente superior ao límite para lograr a cualificación de excelente. Foi na praia de Silgar, que recuperou en analíticas posteriores.
Ata o momento realizáronse 6 controis. Un previo en maio con dous días de toma de mostra; dous en xuño con 5 tomas; 2 en xullo con 4 tomas e 4 en agosto. Quedan aínda catro controles máis para concluír a inspección sanitaria da tempada de baño, pero os resultados avalan a calidade das augas.
No programa de vixilancia das zonas de baño mídese a presenza na auga de Escherichia coli e de Enterococos intestinais, factores máis comúns que delatan un episodio contaminante na auga.
De feito a calidade da auga é un dos parámetros clave para optar á bandeira azul, e Sanxenxo conta con 17 destes emblemas na Lanzada, A Lapa, Nosa Señora, Areas, Areas Gordas, Baltar, Bascuas, Canelas, Caneliñas, Espiñeiro-A Lanzada, Foxos, Major, Montalvo, Panadeira, Paxariñas, Silgar e Pragueira.
Sanidade tamén examina Pampaído e Carabuxeira, que aínda que non izan o emblema de Adeac, obtiveron nestes controis a calidade de auga excelente.
Pola súa banda, sinala o goberno local, as obras levadas a cabo en Nanín para a substitución de 315 metros de tubaxe de formigón de augas residuais, paralela ao río que desemboca na praia, tiveron uns resultados positivos na calidade da auga da praia, e nos tres controles realizados desde entón pola concesionaria Espiña e Delfín tras os traballos obtívose unha calidade de auga excelente.
Relacionadas:
-
Se perdiches algún obxecto en Sanxenxo durante este verán, quizais o teña a Policía Local
Por Redacción |
-
Malia caer un 7% en xullo, Sanxenxo mantén o seu liderado en pernoitas hostaleiras en Galicia
Por Oskar Viéitez |
-
As fanecas de Sanxenxo, menos rabudas que o ano pasado, acaparan o traballo dos socorristas
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo busca máis civismo para protexer as dunas: "A duna é vida. Non a pises, respéctaa"
Por Redacción |